Monday 06 de May de 2024

Posta a punto das pistas do Castelo


A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal comunica que se procedeu á dotación de novas canastras de baloncesto nas pistas do Castelo, enmarcándose esta actuación no plan de mellora das instalacións deportivas no segundo semestre do ano. O referido material comprende un xogo de canastras móbiles galvanizadas, dous taboleiros Lynx Foam, dous aros basculante deluxe, un xogo de redes de baloncesto New Net e un xogo de caixóns contrapeso galvanizado. A dita intervención foi executada por Sport Maniotas e o investimento ascendeu a 3465’70 euros, IVE incluído.
Esta acción súmase á xa realizada para a mellora e o acondicionamento do pavimento das referidas canchas, adscribíndose este proxecto ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ 2018. En consecuencia, realizouse a desmontaxe e a colocación da varanda metálica separadora das tres pistas, ademais de se proceder á lixadura e a pintar mediante un tratamento superficial de protección para elementos de aceiro con imprimación anticorrosiva; colocouse unha porta de acceso nun valado metálico fixada a unha superficie soporte, incluída a apertura do oco; fíxose a desmontaxe e colocación da reixa fundición sumidoiro, coa posterior tapadura deste; procedeuse á formación dunha quenlla, soleira de formigón, e marcaxe. O investimento ascendeu a 43.336’76 euros, IVE incluído, e a obra foi executada por Coto de Uz Proyectos y Obras S.L.
Por outra banda, efectuouse o arranxo do peche perimetral das pistas por un importe de 2299 euros, IVE incluído, a cargo da Cerrajería Paz García S.L. e, proximamente, pintarase a cancha de baloncesto, por 800 euros, da man de Gilberto Pinturas.
O obxectivo destas intervencións reside en ofrecerlles aos usuarios e usuarias unhas mellores condicións para o desenvolvemento da súa actividade.